Tuesday 14 de May de 2024

Carral mantén o seu compromiso coa Cultura e buscará alternativas para pospor as actividades dos próximos meses


O Concello está traballando para ofrecer á cidadanía unha completa programación, aínda coas dúbidas sobre a evolución da pandemia: cando se poderán realizar estes actos e cales serán as súas características.

O Concello de Carral manifesta o seu compromiso coa cultura, e está traballando para buscar solucións á diversa programación cultural que non se está podendo facer e a que se verá afectada a curto prazo polos efectos do coronavirus. O departamento de Cultura segue a traballar na busca de alternativas para que as múltiples actividades, actos, espectáculos e eventos se adíen, mais non se cancelen. Estanse manexando varias opcións para poder ofrecer á cidadanía de Carral unha completa programación, aínda coas dúbidas que existen sobre a evolución da pandemia, de cando se poderán levar a cabo este tipo de actividades, de cales serán as características dos espazos e os aforos permitidos, e de como se irá avanzando cara a normalidade que coñecíamos antes das restricións sanitarias.

Os programas máis afectados son aqueles que anualmente se manteñen nunhas mesmas datas. Son os casos do acto do Premio de Poesía Concello de Carral, as Noites de Cine, o ciclo Músicas Íntimas e dos Venres de Monólogo. Ademais, están diversas actividades que se realizan nos centros de ensino, nas bibliotecas municipais, os espectáculos de teatro de outono ou os ciclos de cine na Casa da Cultura, entre moitos outros. Para todas elas estanse buscando alternativas para que se poidan levar a cabo unha vez as autoridades sanitarias autoricen facelas. Unha das opcións que se barallan é que a programación do 2020 poida estenderse ata o Entroido. Para iso tamén se está atento ás medidas que se están a adoptar desde a Xunta de Galicia ou a Deputación, xa que boa parte da programación se realiza en colaboración con estas administracións.

É inquedanza do Concello de Carral manter o nivel de actividade cultural da que se beneficia a veciñanza, á vez que mantén o apoio e compromiso coas industrias e os traballadores culturais, un sector sempre moi precarizado e que neste tempo de corentena está a sufrir unhas consecuencias económicas moi complicadas.